Carta as augas cálidas do Polo Norte.
Sara Menduíña Soage 3A
(TEXTO QUE VAI NA REVISTA UMBRELA Nº 17)
Venres, día dezanove do mes máis frío do ano. Fóra, intúo polo soprar do vento contra os cristais da miña pequena ventá, vai moito frío. Pero estou completamente seguro de que vai moitísimo máis frío aquí, neste pequeno cuarto baleiro e con calefacción, que alí fóra, nesas rúas cheas de xente abrigadas con bufandas e luvas que intenta desesperadamente resgardarse do vento xeador. Supoño que vai moito máis frío aquí dentro debido á dor da soidade que sinto nestes momentos. Non hai nada peor que vivir os días fríos dun inverno sen ti.
Atópome sentando no chan deste cuarto, ollando as catro paredes que desde hai sete días están pintadas de recordos, respirando o olor a whisky barato do supermercado da esquina, o olor do fume dos tres cigarros que se consumiron tan rápidos coma o tempo, o olor do aborrecemento e da soidade.
Fóra imaxino que estarán crecendo bicos que algún día se darán. Boquexarán os donos de flexos acendidos ás doce da noite debido ao insonmio provocados, seguramente, polo pesar dun amor fracasado ou non correspondido. Moitos crentes do amor estarán volvendo ao seu fogar a intentar quentarse entre eles nestes días fríos. Non hai nada mellor que ter unha relación no inverno. E mentres, eu, aquí sentado no chan deste cuarto baleiro, neste cuarto que antes era un cuarto cheo de amor e atracción, agora só é un mar soitario no que eu poco a pouco vou naufragando. Levo sete días sendo o Titanic, sete días colisionando contra icebergs imaxinarios, sete días naufragando…sete días morrendo. Eu fun, ao igual que aquel buque noutros tempos, un ser grande e luxoso que saía da casa vestido sempre cun estúpido sorriso crendo que o amor era sinónimo de felicidade, sen querer caer na conta de que cada día que pasaba eu convertíame máis nun iceberg que nun buque. Sempre fun o xeo e ti o lume que intentabas derreterme. Sen darnos conta fomos coma os polos magnéticos dun imán, “os polos iguais repélense e os polos distintos atráense.” Eu o sur, ti o norte.
Cando alguén nos pregunta que queremos é difícil contestarlle. Até hai dous anos eu quería soidade e agora desde hai sete días necesito compañía, pero soamente a túa. Bótote en falta.
Abro a fiestra para fumar outro cigarro. Os meus pulmóns vólvense a encher de aire cargado de osíxeno, teño que dicir que este cuarto está repleto de aire contaminado. Pero ese aire puro dura pouco no meu corpo, uns segundos antes de volver a contaminalo cunha gran dose de alcatrán. Estou vendo a rúa sen mirala. Vexo a túa saia azul de lunares brancos e aquela blusa branca e transparente que con tanta calma desabotoaba. Vexo os teus ollos sen maquillar. Vexo os teus cabelos mollados despois dunha ducha de cinco minutos. Vexo o teu sorriso despois dunha noite intensa. Vexo as túas bágoas despois das palabras que xamais deberían ter saído da miña boca. Vexo a túa mirada de decepción ao verme chegar a casa ebrio. Vexo a dor no teu rostro. Vexo como, pouco a pouco, apagábaste. Vexo como tantos erros meus conducíronte a dor, a miña dor, a túa dor. Comprendo que eu non teño dereito a queixarme porque te afastaras de min. Eu tamén me afastaría de min se puidese.
E agora transcorren os segundos como se fosen horas neste cuarto a escuras. Cando ti estabas, atopábaste ao meu carón, os días pasaban como o fume dos nosos cigarros.
Como a marcha dunha persoa pode facer tantos cambios noutra?. Xa non son un bloque de xeo, estou completamente queimado, cheo de buracos provocados pola túa marcha. Non sei como encher eses buracos de xeo de novo. Aprendín que cando ti estabas aquí non valoraba o moito que necesitaba os teus ollos, os teus bicos, as túas apertas, o teu amor, a túa presenza…E agora que non estás doume de conta do moito que preciso que esteas aquí, ao meu carón, dicíndome que todo vai a ir ben, que todos os barcos saen a flote. Pero este mar cada día vaise convertendo máis en xeo, e este barco vaise encallando cada vez máis nel. Os barcos non flotan no xeo, non tiveches iso en conta.
Os recordos voan sobre a miña cabeza coma o fume deste cigarro. Cada calada un novo recordo. Estou nunha cafetaría, ti levas un vestido vermello coas costas ao aire e o pelo ao vento. Acércaste a min e pregúntasme se quero tomar algo. Pillárasme coa garda baixa, sorprendeume que unha moza coma ti invitara a un tipo coma min a tomar algo. Acepto, e despois de horas e horas de charla continúa decido tomar a iniciativa e invitarte a pasear baixo as estrelas de Barcelona. Dúas horas de paseo fan que me namore de ti. Bícasme e desapareces.
Outra calada. Estamos na cama do que antes era o noso piso. Ti estás espida e cos cabelos completamente alborotados e só a saba branca cobre o teu corpo. Tes un sorriso, estás feliz. Abres os ollos. Volvo a ver ese marrón cálido neles. Desapareces.
Outra calada. Topámonos nunha rúa solitaria. Está chovendo pero non levamos paraugas. Tes o cabelo completamente mollado e a camiseta pegada ao corpo tamén moi mollada. Chámote porque non paras de bailar, pareces unha nena pequena, dígoche que temos que volver a casa. E ti acercaste e disme que non podemos desperdiciar a chuvia. Eu non entendo o que dis, pero estás tan fermosa. Bícasme. Sabe a…Desapareces.
Outra calada. Estou ebrio. Ti estás falando nun ton algo elevado, pero non te escoito. Non paras de chorar. Sinto a necesidade de dicirche que non quero verte chorar pero en lugar diso sóltoche que es unha chorona e que necesito o meu espazo. Déitome no sofá e escoito como colles as chaves e cerras a porta. Desapareces.
Outra calada. Chego á casa despois dunha intensa xornada de traballo. Entro e berro meu amor xa estou aquí, boteite de menos. Non respondes. Entro na cociña esperando encontrarme cos teus ollos ardendo de ganas de bicarme en no lugar diso encontro un post-it no que anuncias a túa marcha para non volver. Caio no chan. Desapareces.
As bágoas comezan a escorregar polo meu rostro. Fan carreiras a ver cal é a primeira en coarse na miña boca. Tiro o cigarro. Non podo seguir fumando o acabarei afogando nas miñas propias augas.
Consulto o reloxo. Son xa as doce da noite. Métome na cama. As sabas inda conservan o teu olor. Se estiveras aquí agora chamaríasme sucio, estou seguro. Hai sete días que non lavo as sabas. Tamén hai sete días que non durmo por culpa delas. Hai sete días que durmo no chan con elas ao meu carón coma un neno pequeno.
Escoito os coches acelerar. As Cinsentas de saldo e esquina a facer o seu traballo. Os xóvenes aloucados beber coma se non existise mañá. As nais sentadas no sofá cun flexo acenso esperando preocupadas polos seus fillos. Os estudantes cos nervios a flor de pel preocupándose porque o reloxo xa marca as doce. Os bicos dos namorados baixo as estrelas. Escoito vida. E eu aquí tirado no chan, respirando o teu olor, máis morto ca vivo.
A temeridade só sabe medirse en pasos, e a valentía é todo iso que aprendes despois de saír correndo unhas cantas veces mentres outros quedaban loitando. Ao teu carón encontrei moito máis do que estaba agardando.
Comezo a pensar que isto non vai cambiar. Levo 10.080 minutos naufragando, o afundimento fáiseme eterno.
Cando terminara toda esta dor? Todo este botarte de menos? Todos estes recordos? Todos estes medos? Todas estas inseguridades? Todas estas bágoas? Cando terminarei de quererte?
Xa sei a resposta e non podo evitar afundirme un pouco máis. Nunca. Pois ninguén xamais conseguira que eu soltase unha lágrima de pena. Que pasase horas e horas mirando unha fotografía. Que non lavase as sabas para conservar un olor. Que non poida entrar nun cuarto do meu piso por medo a esvaecerme. Que lea vinte mil veces as listas da compra escritas por ela. Que chore ao ver o post-it no que se despedía de min. Que chame por telefóno cun número oculto para escoitar a súa voz e despois colgar. Que non poida durmir. Que non poida nin tan sequera fumar un cigarro sen recordar…Que non poida vivir.
Agora ti estarás vestíndote para ires traballar. Alí tan lonxe de min, deben ser xa as oito. Imaxino os teus cabelos alborotados que tanto me gustan cando espertas. Imaxino como vestes as medias e pos a falda negra do uniforme. Como te acercas ao espello para maquillares eses ollos cansos e esa boca triste. Como calzas os tacóns e saes á rúa na que os homes baten cos farois ao verte tan bela e á vez tan diferente ás demais mulleres. Pero desde aquí, desde tan lonxe de ti, estou completamente seguro que ninguén poderá ver o fermosos que son os teus ollos sen maquillar, o embriagante que é o olor do teu cabelo ao espertar, o guapa que estás con roupa vella e rota. Ninguén poderá namorarse como eu me namorei deses pequenos detalles, das túas seiscentas clases de sorrisos, das túas bágoas, da túa saliva, dos teus pés, da túa vida.
Sabías que o Titanic tardou soamente dúas horas e corenta minutos en afundirse por completo? Eu levo sete días e oito horas afundindome.
Son xa as oito da mañá. Abro a ventá. A rúa volve a estar chea de xente, mulleres que esperan na porta da praza para ser as primeiras en colleren o mellor ao prezo máis barato, nenos que xogan a pelota na rúa, nais que corren detrás deles, adolescentes con mochilas ás costas dispostos a dirixirse a ese centro que tanto aborrecen… É incrible como o mundo segue xirando mentres ti estás parado mirando como todo ao teu arredor segue en marcha. As horas pasan. A xente vai e volve. As persoas crecen e morren. Os coches chegan e regresan. A vida pasa e pasa. E ti sen saber como convérteste nun espectador que observa con detemento todas estas pequenas cousas mentres pouco a pouco tamén vas morrendo aínda que xa vivas sen vivir.
A miña vida pasa diante dos meus ollos coma unha película a cámara rápida. Non teño nada do que sentirme orgulloso. Alguén dixo algunha vez que errar era de sabios. Nunca estiven tan en desacordo. Cometín tantos erros en tan pouco tempo e grazas a eles perdín o único lume que quentaba a miña vida. Nunca pensei que ser imán fose tan insufrible, e máis ser o Polo Sur do imán.
A ansiedade comeza a impedirme respirar. As bágoas afogan os meus ollos. Os recordos impídenme seguir alí tirado no chan dese cuarto. Collo as chaves, só por costume, pois non teño pensado volver. Abro a porta por última vez e a pecho.
Camiño á présa polas rúas cheas de xente que contesta de forma groseira os meus empuxóns. Pouco a pouco vou espíndome. O termómetro da farmacia marca menos dous graos centígrados. Vai moito frío. Pero eu xa non sinto nada. A rabia e as bágoas impídenme pensar con claridade e a visión anúbraseme por completo. Sinto a ollada preocupada e sorprendida da xente que me rodea. Estou completamente espido e camiñando cada vez máis á présa cun único obxectivo. Non sei se me volvería tolo de todo, pero sempre fun de ideas fixas. Os dedos dos pés descalzos senten a area fría entre eles. Comezo a correr. Levo sete días e oito horas naufragando. Postos a naufragar mellor facelo: introdúzome nas frías augas do mar. Cada vez afúndome máis. Vexo a túa saia de lunares brancos. Pero esta vez non saio á superficie.
P.D: Eu tamén te boto de menos, Polo Norte.
Nenhum comentário:
Postar um comentário